O grupo de investigación “Descubrimento e Síntese de Novos Fármacos”, liderado por lo IP do CiQUS Eddy Sotelo, recolleu o premio “Fernando Calvet Prats” da Real Academia Galega de Ciencia

16/06/2022
  • Outorgado a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía polo proxecto Ferramentas fluorescentes como alternativa ao uso da radioactividade na industria farmacéutica

O pasado 15 de xuño tivo lugar a entrega de premios da Real Academia Galega de Ciencia na que estivo presente o CiQUS. O grupo de investigación “Descubrimento e Síntese de Novos Fármacos”, liderado por lo IP do CiQUS Eddy Sotelo, foi galardoado co premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia tecnolóxica.

Premio “Fernando Calvet Prats”

Formado por investigadores do CiQUS e da Facultade de Farmacia, o grupo de investigación “Descubrimento e Síntese de Novos Fármacos” recibiu o premio “Fernando Calvet Prats” que se destina a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía polo seu proxecto Ferramentas fluorescentes como alternativa ao uso da radioactividade na industria farmacéutica. O grupo, que está integrado por Eddy Sotelo, Javier Sardina, do CiQUS; e Mabel Loza e José Brea, do CiMUS, foi o impulsor da empresa Celtarys Research que explota unha novidosa tecnoloxía alternativa ao uso da radioactividade nas primeiras fases de descubrimento de fármacos.

Visibilizar os obxectivos da tecnoloxía

“O obxectivo foi apostar polas técnicas baseadas na fluorescencia como alternativa segura, sensible e versátil respecto ao uso rutineiro da radioactividade nas campañas de HTS na industria farmacéutica”, indicou Sotelo no seu discurso de aceptación. “O noso maior reto é visibilizar os beneficios da tecnoloxía, validar comercialmente os nosos ligandos e facernos espazo no mercado dos reactivos para screening e HTS”, asegurou sobre de Celtarys Research.

A gala foi presidida pola vicepresidenta da RAGC Alicia Estévez. Ademais dos premiados, tamén estiveron presentes a directora da Área de Centros de Axencia Galega de Innovación (Gain), María José Mariño; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o delegado para Transferencia do Coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela, Luís Otero; e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; entre outras autoridades e persoal académico da RAGC.

 

Fotos: RAGC