O vicepresidente primeiro da Xunta e a directora de GAIN xunto ao reitor da USC, os directores do CiQUS e membros do proxecto TraffikGene | Foto: Santi Alvite
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e a Directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visitaron esta mañá o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para coñecer os avances no proxecto Traffikgene. O proxecto liderado polo Prof. Javier Montenegro no CiQUS, apoiado na convocatoria de 2021 do programa Ignicia, foi seleccionada polo programa EIC Transition do Consello Europeo de Innovación (EIC) e, polo tanto, é a primeira en Galicia en recibir fondos desta convocatoria, unha das máis prestixiosas e competitivas no eido da transferencia de coñecemento.
O proxecto TraffikGene xa posibilitou a contratación de novos profesionais para avanzar na comercialización de novas plataformas tecnolóxicas a aplicar en terapias xénicas. Ademais, Montenegro tamén recibiu o apoio do programa Oportunius para liderar un dos proxectos financiados na convocatoria Starting Grant 2015 do Consello Europeo de Investigación (ERC) e, posteriormente, a axuda Proof of Concept tamén do ERC como continuación do mesmo proxecto, entre outros recoñecementos e axudas.
Durante a visita ao CiQUS, o vicepresidente económico apuntou que TraffikGene é un proxecto disruptivo centrado na síntese de novas moléculas para protexer e entregar ácidos nucleicos de forma eficiente e non tóxica que sitúa Galicia á vangarda da investigación en este área. “Demóstrase que hai ciencia, talento e grupos de investigación que están posicionando Galicia no eido da ciencia, da investigación e, o que é moi importante, da innovación e, polo tanto, da transferencia ao mercado”, dixo o vicepresidente, quen estivo acompañado polo reitor da USC e os directores do CiQUS.
Nesta liña de compromiso coa transferencia de resultados, ademais de liderar tres proxectos IGNICIA, o CiQUS conseguiu financiamento nestes últimos anos para outros oito proxectos de valorización por valor de 1.2M € en convocatorias nacionais, europeas e fundacións privadas.