Santiago de Compostela foi o lugar elixido para celebrar a XVIII Escola Nacional de Materiais Moleculares (ENMM), que tivo lugar do 20 ao 24 de marzo, e na que os investigadores principais do CiQUS Félix Freire, María Giménez, Diego Peña e Francisco Rivadulla participaron na súa organización.
Punto de encontro sobre materiais moleculares funcionais
O ENMM é un foro para aprender e intercambiar ideas no campo dos materiais moleculares funcionais. Dirixido a estudantes de posgrao de Química, Física e Enxeñaría, e investigadores interesados, o obxectivo da ENMM é formar investigadores novos no campo dos Materiais Moleculares e da Nanotecnoloxía.
Durante cinco días desenvólvense no Hotel Monasterio San Martín Pinario conferencias, xornadas especializadas e comunicacións orais a cargo de diferentes profesores e investigadores especializados nesta materia. Entre os relatores estivo Beatriz Pelaz, investigadora principal do CiQUS, e a súa charla centrouse en “Nanotransportadores eficientes e inteligentes”. Cunha asistencia de preto de 180 participantes a nivel nacional e coa presenza de institucións como o Instituto de Nanociencia da Comunidade de Madrid, o Instituto de Ciencia Molecular da Universidade de Valencia ou o Instituto Catalán de Nanociencia e Nanotecnoloxía, entre outros, a Escola foi unha convocatoria exitosa e tivo moi boa acollida.
Ademais dunha intensa e variada programación científica, o evento contou tamén con diversas actividades sociais, entre elas unha visita guiada por Compostela.