TraffikGene, unha tecnoloxía prometedora para a entrega de ácidos nucleicos terapéuticos

13/10/2021
  • Co apoio do programa IGNICIA, o proxecto do profesor do CiQUS Javier Montenegro entra nunha nova fase que buscará chegar ao mercado en forma de spin-off ou de licencia á industria.

 

O proxecto TraffikGene acaba de ser seleccionado na última edición do programa Ignicia Proba de Concepto, cuxo obxectivo é promover a transferencia dos resultados xerados nos centros de investigación galegos para facilitar a súa transferencia ao mercado. O investigador Javier Montenegro, do Centro singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), coordina este proxecto centrado no desenvolvemento e síntese de novas moléculas para protexer e entregar ácidos nucleicos, como o RNA mensaxeiro (mRNA), no lugar apropiado, de forma eficiente e non tóxica. Con esta iniciativa, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) en colaboración coa Fundación Barrié busca validar nova tecnoloxía e elaborar os seus plans de negocio. Das 28 solicitudes presentadas este ano, sete contarán coa axuda autonómica, ben sexa para chegar ao mercado en forma de spin-off ou ben dunha licencia á industria.

O laboratorio do profesor Montenegro traballa con novos péptidos, pequenas proteínas que actúan como vehículos de transporte que trasladan o material xenético ao interior das células para que poidan cumprir a súa función. O proxecto desenvolvido no CiQUS por Marisa Juanes, Irene Lostalé-Seijo e Alberto Fuertes prevé alcanzar aplicacións en diversas áreas da biotecnoloxía, desenvolvendo unha eficiente ferramenta de transporte de ácidos nucleicos para a nova xeración de vacinas baseadas en ARN e no emerxente campo da inmunoterapia do cancro.

Alto risco, pero maior beneficio potencial

O equipo de investigación móstrase confiado co potencial que ofrece esta tecnoloxía e consideran que o respaldo obtido mediante esta convocatoria resulta fundamental para continuar cos esforzos que dende hai anos vén realizando o grupo neste eido de estudo. En 2018, TraffikGene recibiu unha axuda do Europea Research Council na modalidade Proof of Concept (ERC PoC) para poñer en valor e favorecer a explotación comercial dos avances conseguidos no proxecto DYNAP (ERC StG). Ademais, o equipo obtivo un proxecto do Instituto de Saúde Carlos III para estudar a posible aplicación desta tecnoloxía en vacinas contra a COVID-19 o pasado ano. Aínda que acadaron probas prometedoras en animais, aínda é preciso seguir avanzando en novos ensaios para demostrar a súa eficacia e seguridade.

A medio prazo, TraffikGene ten previsto constituírse como unha spin-off con base en Galicia, avanzando na aplicación terapéutica destes novos “vehículos”. Con este serían xa tres os proxectos xurdidos dende o CiQUS que acadan este apoio, sumándose a RuCSC, proxecto liderado por José Luis Mascareñas para o direccionamento selectivo e eliminación de células nai cancerosas, e Fluorotools, centrado no deseño de ferramentas para acelerar o descubrimento de fármacos e dirixido polo profesor Eddy Sotelo.

 

Imagen de Konstantin Kolosov en Pixabay