Skip to main content

O programa ‘Empréga-T’ da USC mantén aberto o seu período de inscrición no Campus Terra

El programa ‘Empréga-T’ de la USC mantiene abierto su plazo de inscripción en el Campus Terra
El programa ‘Empréga-T’ de la USC mantiene abierto su plazo de inscripción en el Campus Terra
O programa "Empréga-T: as 10 T´s do talento" da Universidade de Santiago de Compostela bota a andar unha nova edición coa intención de formar o alumnado nas habilidades precisas á hora de atopar...
Lugo

O programa "Empréga-T: as 10 T´s do talento" da Universidade de Santiago de Compostela bota a andar unha nova edición coa intención de formar o alumnado nas habilidades precisas á hora de atopar emprego na actual situación do mercado laboral. Ademais, como principal novidade, ‘Empréga-T’ chega este ano por vez primeira ao Campus Terra da USC.  

 

Nesta edición contarase de novo co recoñecemento académico de 1 crédito ECTS optativo para o alumnado de grao da USC. Para obtelo, é preciso inscribirse a través do formulario desta web e facer a correspondente matrícula na actividade "Emprégate" mediante a Secretaría Virtual do alumnado da USC. Esta actividade aparece na columna esquerda de "Actividades, cursos e probas” / “Oferta” / “Actividades de recoñecemento de ECTs nos Graos". Polo tanto, é imprescindible que as persoas interesadas no recoñecemento do crédito realicen este dobre rexistro. Ademais, debe asistirse a un mínimo de 25 horas (realizarase un control de asistencia á entrada e saída de cada actividade).  Se ben o prazo de inscrición queda aberto ata o dia anterior á celebración de cada actividade, as persoas interesadas no recoñecemento académico deberán realizar o rexistro na Secretaría Virtual antes do 16 de outubro (incluído).

 

A sesión de apertura e presentación do programa terá lugar o vindeiro 6 de novembro, ás 10.00 horas, no Salón de Graos da  Facultade de Dirección e Administración de Empresas do Campus Terra da USC. A sesión ‘Comuníca-T’ celebrarase a partir das 10.00 horas do 21 de novembro e, no transcurso da mesma, ofrecerase ao alumnado un conxunto de ferramentas coas que desenvolver e potenciar as competencias e habilidades comunicativas para o seu futuro empresarial e profesional. O alumnado traballará competencias individuais tales como falar en público, liderado, estratexia, consecución de obxectivos, argumentación, elaboración dun discurso/presentación, empatía, concreción e capacidade de síntese, improvisación e xestión do tempo. Para elo, o obradoiro basearase na formación teórica de estratexias para o deseño de presentacións en público eficaces. Pola súa parte, a sesión ‘Vénde-T’ celebrarse ese mesmo día a partir das 16.00 horas. Este seminario permitiralle ao alumnado superar os filtros iniciais establecidos por headhunters, empresas de selección e departamentos de RRHH. Deste xeito, os e as asistentes aprenderán a elaborar cartas de presentación, currículo vitae, uso das redes sociais, vídeo currículo, etc.

 

A sesión ‘Coñéce-T’ terá lugar o 22 de novembro a partir das 10:00 horas coa intención de potenciar o autocoñecemento, descubrir as fortalezas e os puntos de mellora dos candidatos para saber adecuar a candidatura ao perfil profesional ofertado. ‘Diferéncia-T’ e ‘Lánza-T’ celebraranse o 23 de novembro a partir das 10.00 e 16.00 horas respectivamente. ‘Diferéncia-T’ pretende desenvolver a habilidade creativa para a resolución de problemas e consecución de retos de xeito rompedor, innovador e exitoso. ‘Lánza-T’ busca achegar o emprendemento empresarial ao alumnado, traballando os pasos fundamentais de cara a elaboración dun plan de empresa cun enfoque eminentemente práctico.

 

Finalmente, o ‘Adéstra-T’ celebrarse os días 28 e 29 de novembro a partir das 10.00 horas. Este adestramento ten unha duración de 2 horas para cada participante. O circuíto ‘Talent´s Loop: potencia o teu Talento’ proporciona ao alumnado un laboratorio de emprego, un adestramento persoal e individualizado no que se simulará un proceso de selección real durante dous días en Lugo. Deste xeito, as persoas participantes poderán pór en práctica os coñecementos adquiridos e solucionar as dúbidas que poidan xurdir na vida real. Este simulador estrutúrase en cinco pasos que cada participante realizará, recibindo feedback personalizado por expertas e expertos para mellorar as súas posibilidades de pasar con éxito un proceso selectivo.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.