Pasar al contenido principal

Mencións ao título

As mencións ao título son cualificacións honoríficas que se inclúen no teu título de Doutor ou Doutora sempre que cumpras cunha serie de requisitos formais e académicos específicos para cada unha delas. Poden ser tres: Mención de Doutoramento Industrial, Mención de Doutoramento Internacional e Mención de Tese en Cotutela.

A EDIUS e as comisións académicas dos programas avalían o cumprimento destes requisitos segundo o estipulado na normativa. 

Para máis información, revisa os artigos 38, 39 e 40 do Regulamento de Estudos de Doutoramento.

Tipos de mencións

Para que unha tese de doutoramento poda obter a mención de Doutoramento Internacional, é necesario que cumpra os seguintes requisitos:

  1. Estadías de investigación no estranxeiro:
    Durante a formación doutoral, a persoa investigadora debe realizar unha ou varias estadías fóra de España, nunha ou varias institucións de ensino superior ou centros de investigación de prestixio, por un tempo mínimo total de tres meses.
    • Non se contan estadías no país de residencia, nacionalidade, estudos de acceso ao doutoramento ou onde traballe.
    • Se se realizan varias estadías, polo menos unha debe durar como mínimo un mes e ningunha menos de sete días.
    • As estadías deben ser avaladas pola dirección da tese e autorizadas pola CAPD previamente á súa realización.
  2. Redacción da tese nunha lingua estranxeira:
    Polo menos o 25 % da tese debe escribirse nunha lingua científica relevante no campo de coñecemento da tese (distinta das linguas oficiais de España), ou na lingua do país onde se realizou a estadía (ou a maior parte das estadías).
    • Este 25 % debe incluír capítulos ou bloques completos da tese, así como o resumo e as conclusións.
    • Para esta porcentaxe non contan os índices, bibliografía nin anexos da tese.
  3. Defensa na lingua estranxeira:
    No acto de defensa, un mínimo dun 25 % da exposición oral debe realizarse na mesma lingua estranxeira mencionada anteriormente (lingua científica de relevancia ou do país onde se fixo a estadía ou maioría das estadías). Esta regra non se aplica cando as estadías, os informes e as persoas externas que avalíen a tese sexan de países hispanofalantes.
     
  4. Informes externos:
    Dúas persoas expertas doutoras de institucións de fóra de España deben emitir un informe favorable sobre a tese. Estas persoas non poden ser as que supervisaron as estadías. O programa de doutoramento xestiona o proceso de solicitude dos informes externos. As persoas avaliadoras externas poderán formar parte do tribunal se así o establece o programa.
     
  5. Membros do tribunal internacional:
    Polo menos unha persoa doutora que pertenza a un centro de investigación estranxeiro, distinta do supervisor da estadía, debe formar parte do tribunal avaliador da tese.
     
  6. Documentación a presentar cando fagas a solicitude de defensa da tese:
    • Certificado(s) acreditativos da(s) estadía(s) asinados pola(s) persoa(s) titora(s) no centro/institución estranxeira e/ou pola persoa responsable da súa dirección.
    • Copia da autorización previa da realización da estancia por parte da CAPD do teu programa, avalada pola persoa directora da tese.

A mención de Doutoramento Industrial busca reforzar a colaboración entre o ámbito académico e o tecido social, económico e produtivo, promovendo a transferencia de coñecemento e a innovación. Para obter esta mención é necesario cumprir os seguintes requisitos:


1. Proxecto de interese aplicado

  • A tese debe estar vinculada a un proxecto de investigación orixinal que teña interese industrial, comercial, social ou cultural.
  • O proxecto debe realizarse nunha entidade, empresa ou administración pública, quedando excluídas as universidades, organismos públicos de investigación e hospitais universitarios (excepto casos xustificados nos casos das dúas últimas tipoloxías de organismos).
  • A duración mínima do proxecto na entidade debe ser de 18 meses, dentro do período de elaboración da tese.
  • Esta vinculación debe formalizarse nunha memoria, visada pola Universidade e a entidade colaboradora, e validada pola persoa directora da tese e a persoa responsable da entidade.

2. Convenio de colaboración

  • É obrigatorio formalizar un convenio entre a Universidade e a entidade colaboradora.
  • O convenio debe recoller:
    • As obrigas de ambas partes.
    • O reparto de dereitos sobre a propiedade industrial dos resultados.
    • O procedemento de selección da persoa doutoranda.
  • O convenio debe estar vixente como mínimo durante toda a participación da persoa doutoranda no proxecto.
    Modelo de convenio.

3. Contrato de traballo

  • A persoa doutoranda debe ter un contrato laboral coa entidade onde desenvolve o proxecto por un mínimo de 1 ano durante o desenvolvemento da tese.
  • O contrato debe cumprir:
    • Dedicar polo menos o 50 % da xornada laboral ao proxecto de investigación.
    • Ter unha duración mínima equivalente ao 50 % do tempo total que leva elaborar a tese (desde a matrícula ata a solicitude de defensa).

4. Dirección e titorización

  1. A persoa doutoranda debe contar cunha:
    • Persoa titora designada pola Universidade.
    • Persoa responsable designada pola entidade colaboradora, que supervisará o desenvolvemento do proxecto.
  2. Esta persoa responsable na entidade colaboradora poderá tamén ser directora da tese se cumpre os requisitos legais, pero non poderá formar parte do tribunal avaliador da tese.

5. Solicitude da Mención Industrial

  1. Envía por email o formulario de Solicitude de tese de doutoramento industrial, adxuntando a seguinte información:
    1. Memoria da entidade colaboradora asinada pola persoa representante daquela que vai a exercer a titorización da tese.
    2. Copia do teu contrato de traballo, ou certificado de vida laboral.
    3. Informe da CAPD do teu programa, facendo constar que o teu plan de investigación e de formación se adecúa ao proxecto de investigación que desenvolves ou vas desenvolver na entidade colaboradora.
    4. De ser o caso, copia da resolución de concesión de axuda para o desenvolvemento dun doutoramento industrial por convocatoria pública competitiva.
  2. Tras analizar a documentación aportada, a EDIUS comunicarache se o teu proxecto pode ser considerado como industrial.
  3. Cando fagas a solicitude de defensa da tese deberás acreditar que se levou a cabo todo o establecido no momento da solicitude, para o que terás que presentar:
    1. Nova memoria da entidade colaboradora na que se faga referencia explícita ao desenvolvemento e alcance do proxecto de investigación industrial desenvolvido en relación coa tese de doutoramento.
    2. Certificado de vida laboral actualizado que comprenda o período de realización da tese.

Consiste na realización da tese de doutoramento baixo a dirección conxunta de dúas ou máis persoas directoras pertencentes a dúas ou máis universidades, a USC e unha ou máis universidades estranxeiras.

1. Beneficios da cotutela

  • A persoa doutoranda obterá dous ou máis títulos, un por cada unha das institucións de educación superior participantes na cotutela.
  • O título de Doutor ou Doutora pola USC incluirá no seu anverso a dilixencia Tese en réxime de cotutela coa Universidade "U".

2. Requisitos para obter a cotutela

  • Sinatura dun convenio entre as universidades/institucións participantes.
  • Matrícula anual na etapa de tese en cada unha das universidades participantes na cotutela durante todos os cursos académicos que dure a realización da túa tese.
    • O tempo de realización da tese non poderá ser superior ao prazo establecido no convenio, respectando as normativas das universidades participantes. No caso da USC, o prazo mínimo de permanencia é de 18 meses.
  • Realizar unha estadía de investigación en cada universidade que asina o convenio de duración mínima de 6 meses, que poden ser discontinuos.
    • Os xustificantes destas estadías deberás incorporalos no teu Documento de Actividades.
  • Defensa única da tese de doutoramento nunha das universidades asinantes do convenio

3. Solicitude da cotutela

  • Comunícalle á túa persoa directora de tese na USC o teu interese en facer unha tese en cotutela durante o primeiro ano de matrícula na USC, sendo necesario buscar outra dirección para a túa tese noutra(s) universidade(s) estranxeira(s).
  • En caso de estar de acordo, a túa persoa directora na USC deberá solicitar o inicio do trámite enviando un email a edius [at] usc.es (edius[at]usc[dot]es) co modelo de convenio cuberto, que lle proporcionaremos como resposta ao seu correo.
  • A solicitude recibida deberá ser aprobada, primeiro, pola CAPD do teu programa de doutoramento e, posteriormente, pola Comisión Executiva da EDIUS.
  • Unha vez aprobado, estableceranse desde a EDIUS os contactos coa(s) outra(s) universidade(s) para a sinatura pola súa parte do convenio.

Que implica a firma do convenio?

Mediante a sinatura do convenio comprométeste a manter actualizado o convenio: 

  • Debes informar ás respectivas escolas de doutoramento dos cambios nas condicións de realización da túa tese que poidan afectar ao teu expediente, tales como a ampliación da data de defensa, inclusión ou cambio dunha persoa directora, cambio do programa de doutoramento, etc.

Que se require para optar á mención de cotutela cando a defensa se realiza na outra Universidade?

  • Contar co informe favorable da Comisión Executiva da EDIUS, que avale a súa calidade.
    • No caso de que unha tese en cotutela non sexa autorizada por unha das universidades participantes, o convenio de cotutela quedará sen efecto. Isto non impide que a tese se leve a termo na universidade ou universidades onde si foi autorizada.
  • O número de membros e composición do tribunal determinarase no convenio. Este tribunal deberá contar con presenza de membros de ambas universidades. As túas persoas directoras da tese poderán formar parte do tribunal, se así se determina no convenio, e sempre que o número de membros externos ás universidades participantes na cotutela sea maioritario.
  • Un membro da USC que forme parte do tribunal de defensa actuará como delegado da Universidade a efectos de custodia e traslado da documentación xerada, previa notificación á EDIUS.

Documentación que deberá presentar tras a defensa da tese noutra universidade

Tras a defensa exitosa terás que remitir á EDIUS (edius [at] usc.es (edius[at]usc[dot]es)) a seguinte documentación:

  • Acta do acto de defensa na outra Universidade (firmada legalmente polos Servizos Académicos correspondentes).
  • Modelo de certificación da cualificación obtida (firmada legalmente polo Delegado da USC no acto de defensa).
  • PDF da tese acompañado da solicitude de expedición de título en cotutela.

Solicítanos por correo edius [at] usc.es (edius[at]usc[dot]es) os modelos de convenio necesarios.