Ir o contido principal

Presentacións do Proxecto Integrador de IA-1

16/12/2024 de 17:00-19:00 e o 17/12/2024 de 17:00-19:00

GaiasTech
Cidade da Cultura

Alberto Bugarín Diz

Presentacións do Proxecto Integrador de IA-1
Presentacións do Proxecto Integrador de IA-1

Os próximos días 16 e 17 de decembro terán lugar as presentacións públicas dos proxectos desenvolvidos polo estudantado de 3º curso do Grao en Intelixencia Artificial que se imparte na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. Estas presentacións son o resultado final do traballo realizado na materia Proxecto Integrador de IA-1, na que se desenvolve un modelo innovador de cooperación público-privada no que participan un total de 22 entidades (empresas, centros tecnolóxicos, agrupacións sectoriais e administración pública) de industrias e sectores estratéxicos para Galicia como sector agroalimentario, téxtil, turismo, xestión da auga, TIC, automobilístico ou turismo entre outros. Estas entidades colaboraron activa e directamente na formación dos futuros profesionais da IA impartindo seminarios profesionais, plantexando problemas e necesidades reais de mercado e proporcionando ao estudantado asesoramento experto, cotitorización e mentorización na realización dos proxectos. 

Nas dúas xornadas vanse presentar as solucións que os estudantes desenvolveron traballando en equipo para dar resposta a 13 retos e casos reais de aplicación da IA aos seus sectores de actividade e negocio. Seguindo unha dinámica de Talleres Interactivos de demanda, o estudantado deu resposta aos retos desenvolvendo en equipo os proxectos e analizando o impacto no seu sector. Deste xeito, adquiriron unha formación e coñecemento prácticos e desenvolveron unhas capacidades e habilidades que resultan imprescindibles na súa formación integral como futuros profesionais do sector.

Esta actividade final desenvólvese no GaiasTech (Cidade da Cultura), para dar tamén cumplimento ao obxectivo formativo de que as presentacións se realicen nun contexto profesional, diferente do puramente académico e diante dunha audiencia diversa.

As entidades que participan neste modelo formativo innovador que se desenvolve no Grao en IA na USC conforman a Rede de Entidades Colaboradoras para a formación en Intelixencia Artificial (Rede ECIA), que contribúe a aliñar dun xeito directo e aplicado a formación universitaria ás necesidades dos sectores estratéxicos galegos e ao mercado laboral. Tamén achega ao estudantado os avances en investigación e innovación mais recentes nun mercado profesional tan dinámico, e facilita que o estudantado acade competencias, coñecementos e habilidades profesionais desde un punto de vista práctico. Por último, aportan unha visión actualizada e global da demanda de solucións de IA en diferentes sectores estratéxicos da economía de Galicia, e amosan de primeira man as oportunidades e o atractivo da carreira profesional que se pode desenvolver dende Galicia. 

Esta innovadora colaboración na formación práctica do estudantado ten continuidade no itinerario “Tecnoloxías Intelixentes” do Grao en IA que se desenvolve na USC, no marco do módulo profesional que intensifica a formación en ambiente empresarial mediante os proxectos integradores, a formación en emprendemento, a realización das prácticas externas ou Traballos Fin de Grao, que se complementan con outras iniciativas formativas xa consolidadas na ETSE como a Aula Profesional.

 

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2024.