Sara Porto Puente recibirá o primeiro premio. Brais Neira Ferro, Daniel Chapela e Noela Rivas Cantelar son as outras persoas galardoadas

Os premios do X Concurso Literario Mazarelos, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, entréganse este luns 11 de novembro nun acto que se desenvolverá a partir das 11.00 horas no auditorio do centro e que contará coa actuación de Celso Sanmartín. A entrada será libre ata se completar a cabida.
Sara Porto Puente é a gañadora do primeiro premio pola súa obra Inmersións do mito da Apocalipse, que subtitula Unha aproximación informal á traxedia da condición humana. Estudante do grao en Filoloxía Clásica, xa fora recoñecida no certame de 2021 co segundo premio polo seu relato Tarde.
O segundo premio correspondeulle ó poemario Febres Somnámbulas, de Brais Neira Ferro, estudante da Facultade de Filosofía. Daniel Chapela, graduado en Lingua e Literatura Galegas e actualmente estudante de doutoramento, obtivo o terceiro premio por Amelia. Por último, o xurado concedeulle un accésit a Noela Rivas Cantelar, tamén estudante do grao en Lingua e Literatura Galegas, polo seu relato A gheada nunca che quedou ben.
