A xornada do día 24 comezará cun recordatorio a modo de homenaxe ao escritor e tradutor Darío Xohán Cabana.

No próximo día 24 de novembro dará inicio a segunda edición do programa Converxencias da Facultade de Filoloxía, xornadas de difusión e divulgación académica en que profesorado e estudantado participan conxuntamente coas súas contribucións no tema anual proposto pola Comisión de Actividades Culturais.
Trátase dun tema transversal de interese tanto para a facultade de Filoloxía como para toda a comunidade universitaria, e con repercusións na sociedade en xeral.
Á volta da tradución
As Xornadas deste ano divídense en catro sesións que abranguen un amplo abano de temáticas arredor da tradución: cuestións de xénero (24 de novembro), as difusas fronteiras entre tradución e creación (25 de novembro), a tradución de e para o galego (1 de decembro) e a tradución como reescritura (2 de decembro). Como novidade, este ano, cóntase con estudantes, non só na función de moderación de sesións, senón tamén contribuíndo con achegas individuais ou en colaboración co profesorado.
A xornada do día 24 comezará cun recordatorio a modo de homenaxe ao escritor e tradutor, tristemente falecido, Darío Xohán Cabana.
Pódese consultar o programa completo na ligazón.
As xornadas serán transmitidas pola canle de Youtube da USC.