-
A spin-off liderada polo Prof. Eddy Sotelo, IP do CiQUS, achega valor nas etapas máis temperás do proceso de descubrimento de fármacos, deseñando e producindo ferramentas químicas fluorescentes.
-
BioincubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía da USC, deu pulo a esta empresa que desenvolve unha tecnoloxía que permite acelerar o descubrimento de fármacos
Celtarys Research
Celtarys Research, empresa galega impulsada por investigadores da USC e que desenvolve tecnoloxía para acelerar o descubrimento de fármacos, acaba de resultar finalista no Concurso de Tecnoloxías Emprendedoras da Royal Society of Chemistry do Reino Unido. Este certame valorou diferentes proxectos internacionais relacionados coa saúde, o medio ambiente e a alimentación.
A institución inglesa, con 175 anos de historia e unha das principais comunidades químicas do mundo, recoñece así o traballo de Celtarys Research, que deseña e produce ferramentas químicas fluorescentes, sensibles e específicas, mediante unha tecnoloxía respectuosa co medio ambiente que permite substituír o uso da radioactividade. Deste xeito, a ferramenta Fluorotools de Celtarys axuda as compañías farmacéuticas a ser máis competitivas, acelerando o descubrimento de mellores fármacos. “O éxito da presentación do seu proxecto situouna como empresa de referencia no sector, potenciando contactos e colaboracións con entidades internacionais de Alemaña e mesmo Xapón”, segundo explican dende a propia entidade.
BioIncubaTech, a aposta pola saúde
Celtarys, é unha das empresas impulsadas por BioIncubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía para o fomento da innovación, promovida pola USC en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, e cofinanciada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e polo FEDER.
Proxectos do sector da saúde, como tratamentos para a cardiopatía ou lesións na medula ata solucións relacionadas coa COVID-19, son algunhas das propostas nas que traballan as empresas da incubadora, na que hai tamén proxectos relacionados coa agroalimentación enfocados a dar solucións para o sector, como melloras na xestión das explotacións ou detectores de contaminación na industria alimentaria.
Fuente: USC