A 4ª promoción do Master in Chemistry at the Interface with Biology and Materials Science, xunto ao profesores Asier Unciti-Broceta (conferenciante), Francisco Rivadulla e Juan R. Granja (coordinador do programa).
O Prof. Asier Unciti-Broceta durante a conferencia de clausura.
A cuarta promoción do Master in Chemistry at the Interface with Biology and Materials Science (ChemBio&Mat) remataba o seus estudos o pasado venres. Deste xeito os alumnos concluían un ambicioso programa formativo onde se abordaron os principais desafíos nos campos da química, a bioloxía e a ciencia de materiais ao longo de tres semestres. A dedicación e o compromiso de todos eles durante este período deixou moi bo sabor de boca. O Prof. Rivadulla, quen presidiu o tribunal avaliador dos traballos de fin de Máster, destacou a capacidade de aprendizaxe dos alumnos neste tempo e a súa habilidade para defender proxectos tan complexos.
O programa de clausura comezou o xoves pola tarde. Os estudantes mantiveron un encontro moi enriquecedor co Prof. Asier Uniciti-Broceta, con quen puido compartir os seus traballos e debater sobre distintas cuestións. O Prof. Unciti-Broceta, quen foi o promotor do primeiro laboratorio de Química no Institute of Genetics and Cancer (U. de Edimburgo), mostrouse gratamente sorprendido pola variedade temática dos traballos, polo ambicioso dos seus obxectivos e polo seu alto grao de desenvolvemento, favorecido en parte pola propia duración deste programa formativo, que consta de 90 créditos, dos cales a metade están reservados para traballos experimentais nun centro de investigación de primeiro nivel como o CiQUS. Ao día seguinte o profesor da Universidade de Edimburgo impartiu a conferencia de clausura: Discovery and preclinical development of the first total inhibitor of SRD. A charla tivo un carácter motivador para os estudantes e fixo especial énfase na importancia da investigación traslacional, que permite que os resultados da investigación básica poidan chegar ao paciente, co exemplo dunha molécula sintetizada por primeira vez no seu laboratorio que se atopa en ensaios preclínicos para o tratamento do cancro. Unha gran mostra para seguir apostando pola innovación e a aprendizaxe multidisciplinar, que é unha das singularidades deste máster.
"Cando comecei o máster, atopeime cun puñado de xente sumo diversa e distinta, e agrádame dicir que hoxe en día somos grandes amigos que estaremos xuntos toda a vida. Grazas a eles todo este proceso foi moito máis fácil e divertido. Foron a miña familia desde que cheguei e sempre estiveron aí cando o necesitamos, tanto no académico como no persoal". As palabras que compartiu Adrián Fernández cos seus compañeiros de máster durante o emotivo acto de peche e despedida dan boa conta de que ChemBio&Mat é moito máis que un programa formativo. En nome dos alumnos, Adrián tamén mostrou o seu agradecemento ao CiQUS e destacou o carácter multidisciplinar da proposta académica combinando a Bioloxía e a Química: “Todo isto foi posible grazas a todos os profesores que nos ensinaron desde o máis profundo amor ao que fan; sempre se preocuparon por nós, para que aprendésemos e sempre se mostraron accesibles e dispostos a axudarnos e facilitarnos as cousas.” Non cabe dúbida de que a experiencia que puideron vivir durante 18 meses é tan valiosa no profesional como no persoal. Para finalizar, o profesor Francisco Rivadulla, e o coordinador do programa, Juan R. Granja, tiveron unhas palabras de alento e gratitude con todos eles.