O Máster in Chemistry at the Interface with Biology and Materials Science (ChemBio&Mat) clausurou esta semana o ano académico 2021/2022. O peche tivo lugar no CiQUS durante dúas intensas xornadas que comezaron o luns coa defensa dos traballos de iniciación á investigación. "Estes días tivemos a oportunidade de apreciar o traballo que veñen realizando os estudantes do máster nesta materia" sinala Juan R. Granxa, coordinador do programa, quen destaca tanto a calidade dos traballos realizados como das súas exposicións. Outro aspecto relevante foi a gran variedade de temas presentados, desde o estudo de novos axentes microbianos e a súa interacción coas membranas biolóxicas, ao desenvolvemento de metaloenzimas abióticas para realizar novas reaccións químicas pasando polo estudo de materiais primitivos como os fósiles atopados en Atapuerca. "Este ano, dous dos nosos alumnos puideron realizar estas actividades de investigación no CIC Biomagune (País Vasco), con proxectos novos que poden servir para establecer novas colaboracións entre os grupos de investigación de ambos os centros" comenta Granxa.
O martes pola tarde, a xornada continuou coa sesión de pósteres, onde os estudantes resumiron nun cartel de forma clara e concisa os traballos realizados. Durante esta sesión os alumnos puideron discutir os seus traballos co Prof. David Amabilino, un invitado de luxo que quedou gratamente impresionado. O investigador do ICMAB-CISC foi o encargado de clausurar o evento cunha brillante conferencia sobre sistemas moleculares no que pequenas moléculas desprázanse sobre a superficie dunhas fibras impulsados pola luz: Dynamic Supramolecular Gels. "O meu consello para o próximo ano é que continúen co seu traballo de investigación e que aproveiten esta oportunidade única para seguir reforzando a súa formación grazas á posibilidade de involucrarse en proxectos na fronteira do coñecemento" engade Granxa. Aqueles estudantes que completen este ano o seu grao e que estean interesados en formar parte deste ambicioso programa formativo, teñen aínda de prazo ata o próximo 19 de Xullo para realizar as súas solicitudes de admisión.