-
O Máster ChemBio&Mat deu peche ao curso 2020/2021 cun atractivo programa de actividades, entre as que se incluíu a defensa dos proxectos de iniciación á investigación por parte dos alumnos, unha mesa redonda e unha conferencia de clausura.
Imaxe: Clausura do ano académico 2020/21 Máster ChemBio&&Mat | CiQUS
"Ter todas estas vacinas e medicamentos dispoñibles en tempo récord serve para facerse unha idea de que é indispensable unha base científica sólida para que isto se poida levar a cabo". As palabras pronunciadas polo Prof. Luís Liz Marzán durante a Mesa Redonda celebrada este luns no CiQUS fan referencia a un cambio na percepción social da ciencia acontecido no último ano por mor da pandemia. O encontro, que reuniu a personalidades do ámbito científico, académico e institucional para abordar as transformacións e desafíos da investigación científica na era post COVID, serviu ao mesmo tempo para poñer en común o aprendido tras esta experiencia: "É positivo tentar mellorar a longo prazo as dotacións aos programas de financiamento da investigación, pero debemos facelo con cabeza" apuntaba o Director Científico de CIC BiomaGUNE en relación á optimización de recursos. O evento contou ademais coa participación da Subdirectora Xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria da Xunta de Galicia, D.ª María Jesús Tallón, a Prof. Pilar Bermejo, Decana da Facultade de Química da USC, e o Prof. José Luis Mascareñas, Director Científico do CiQUS, quen exerceu tamén como moderador.
"As empresas contratan maioritariamente a doutores, polo que a I+D+i debe expandirse de forma moito máis ampla ao mundo empresarial" sinalaba a Prof. Bermejo quen destacou que o sector químico é un dos primeiros ámbitos en I+D+i industrial e por tanto existe un nicho de posibilidades máis aló da carreira investigadora. Pola súa banda, a responsable da Xunta, María J. Tallón, abordou o modelo de financiamento en Galicia, destacando o apoio á carreira investigadora que existe nesta rexión: "somos das poucas comunidades autónomas que levamos a cabo un financiamento estrutural de grupos e centros, mediante procesos competitivos". Ademais, os integrantes da mesa compararon os distintos modelos de Centros de I+D implantados en diferentes territorios para coñecer as súas respectivas peculiaridades, debateron sobre os retos aos que se enfrontan as titulacións de Máster, incluíndo o papel das novas tecnoloxías como ferramentas para a aprendizaxe, e debateron sobre a dualidade investigación básica e aplicada: "É necesario darse conta que detrás dos avances científicos que vimos no último ano hai moita investigación fundamental sen a cal non serían posibles" apuntaba o Prof. Mascareñas mentres nos lembraba a importancia que ten para a sociedade que desde a investigación se síga asumindo o risco de crear cousas novas, de non deixar de inventar.
A Mesa Redonda foi o acto central dun programa de actividades do Master in Chemistry at the Interface with Biology and Materials Science (Máster ChemBio& Mat) que comezou o luns pola mañá coa exposición e defensa dos proxectos de iniciación á investigación dos alumnos e pechou o martes coa conferencia "Colloidal BioNanoPlasmonics" a cargo do Prof. Liz Marzán. O Máster ChemBio& Mat poñía así o broche de ouro ao curso académico 2020/2021, á vez que o coordinador do programa, o Prof. Juan R. Granja, agradecía aos asistentes e animaba aos estudantes para que, tras un merecido descanso, retomen a súa formación en setembro con ilusión renovada.