Tras o acto de peche celebrado esta semana no CiQUS, a segunda edición do Máster Universitario en Química na Fronteira coa Bioloxía e a Ciencia de Materiais (ChemBio&Mat) chegou ao seu fin. A conferencia do Prof. Jesús Jiménez-Barbero puña onte o broche de ouro a un par de xornadas intensivas que comezaron o luns coa exposición e defensa dos traballos finais.
Cabe destacar o enfoque interdisciplinar que presentaban moitos destes proxectos, froito das colaboracións internas entre diferentes grupos do centro, ou en colaboración con outros grupos do CiMUS. “O propio perfil dos nosos estudantes, con alumnos procedentes de distintas áreas científicas, propicia que podamos levar a cabo este intercambio entre disciplinas, o que resulta esencial para abordar moitos dos retos actuais”, engade Juan R. Granja, coordinador do programa. Neste sentido, alumnos con formación en química, física ou bioloxía enfrontáronse ao desafío de adentrárense noutras disciplinas para poder desenvolver os seus traballos, establecendo deste xeito interesantes sinerxías.
A conferencia de clausura correu a cargo do Director do CIC bioGUNE e ex presidente da Real Sociedade Española de Química, o Prof. Jesús Jiménez Barbero. Os estudantes do máster e o conxunto da comunidade CiQUS contaron cun invitado de luxo que expuxo de maneira maxistral os seus últimos avances na utilización de resonancia magnética nuclear para desenmascarar o papel que xogan as interaccións entre os sacáridos e as proteínas en importantes procesos biolóxicos, tal como a incorporación de diferentes sacáridos na proteína spike do COVID e a súa implicación no proceso de infección do virus.
Tras a conferencia de Jiménez Barbero, os estudantes recibiron un diploma que lembra o seu paso polo máster e tiveron ocasión de pechar o acto facendo un breve balance do seu paso por ChemBio&Mat: “Lonxe de seguir unha perspectiva clásica ou convencional, penso que una das virtudes deste máster é que consegue integrar moi ben o coñecemento de distintas áreas nun programa multidisciplinar”, aseguraba Yeray Folgar, tras concluír os seus estudos. O seu compañeiro de promoción, Alfonso Cabezón, destacaba tamén o coñecemento transversal adquirido ao longo da formación: “Nos últimos meses tivemos que enfrontarnos a distintos problemas, aprender a resolvelos e a transferir todo ese coñecemento”. Tras concluír a segunda edición, non cabe dúbida de que o Máster ChemBio&Mat consolídase como programa de referencia na fronteira entre a química, a bioloxía e os nanomateriais.