A VII edición das Bolsas de Verán do CiQUS chega ao seu fin

29/07/2022

 

 

 


 

A sétima edición do programa de bolsas de verán "CiQUS Summer Fellowship" rematou. Tras incorporarse de cheo á actividade do centro, os estudantes concluíron hoxe a súa primeira experiencia investigadora da mellor das maneiras: compartindo co resto dos seus compañeiros o traballo realizado durante este período. Acollidos polos distintos grupos de investigación e supervisados polos investigadores principais do CiQUS, os alumnos beneficiarios puideron colaborar en diversos proxectos situados na fronteira do coñecemento abarcando, entre outros, temas como a catálisis bioortogonal, a simulación computacional de reaciones químicas ou o efecto inmunosupresor da adenosina.

Durante todo o mes de xullo fóronse integrando na dinámica habitual dos distintos laboratorios onde, ademais de ter contacto coa investigación de vangarda, foron adquirindo destreza no manexo de equipamento e instrumentación sofisiticada. Pero lonxe de encerrarse todo a xornada no laboratorio, os nosos bolseiros non perderon a oportunidade de asistir a un bo puñado de actividades científicas celebradas ao longo deste mes no CiQUS, entre as que destacan os seminarios internos e un suxestivo programa de conferencias que atraeu a ponenetes da talla de Vincent P. Conticello (Emory University of Atlanta - EEUU), Olga García Mancheño (Universität Münster - Alemaña) e Young Min Song (GIST Wangju - Corea).

"O programa de bolsas vén sendo unha excelente oportunidade para iniciarse na investigación" aseguran os directores do CiQUS, quen destaca o estímulo que supón para estes novos estudantes mergullarse na actividade habitual dun centro que se atopa na vangarda da química e que teñen á súa disposición unhas instalacións de primeiro nivel. Nesta edición acompañáronnos un total de 15 bolseiros que non só proveñen de Galicia senón tamén doutras rexións como a Comunidad Valenciana ou Castilla y León. Ese foi o caso de Joan Miguel Ávila, fai agora sete anos. Procedente da Universitat Autónoma de Barcelona, Joan participou na primeira edición do programa de Bolsas de Verán alá por 2015, "unha experiencia determinante na miña formación que me levou a seleccionar a USC e, en particular o CiQUS, para cursar os meus estudos de máster e doutoramento". Hai tan só dúas semanas, e baixo a dirección dos profesores María Tomás e José Luis Mascareñas, Joan defendía a súa tese doutoral: un auténtico CiQUS Maker. "As facilidades proporcionadas, o ambiente de traballo e a calidade da investigación desenvolvida no centro é idónea para crecer como científico" explica o novo Doutor. Dous dos seus compañeiros desa primeira promoción, David Bugallo e Iván Gallego, percorreron o mesmo camiño ao conseguir o seu doutoramento neste último ano.

Patricia, David, Esther, Antonio, Ainhoa, Javier, Beatriz, Sergio, Lucía, Javier, Manuel, Carla, Iván, Nilia, Inés, Jorge. Nove almunas e seis alumnos repletos de curiosidade científica e ganas de aprender que agora acaban de dar os seus primeiros pasos neste apaixonante mundo. Énchenos de satisfacción que fose connosco. A todos eles convidámoslles a non perder a motivación e desexámoslles un camiño coa ciencia, sempre, moi presente.

 

"Actividade financiada polo Convenio de Colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a USC para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i (2022)"