El sirventés literario en la lírica románica medieval

Investigador principal

María Mercedes Brea López

Equipo investigador

Déborah González Martínez, Elvira Fidalgo Francisco, Esther Corral Díaz, , Santiago Gutiérrez García, Ana M.ª Domínguez Ferro (USC), M.ª Isabel González Fernández (USC), José Manuel Díaz de Bustamante (USC), Fernando Magán Muñoz (CRPIH), Carmen Fátima Blanco Valdés (UCO), Paolo Canettieri (Università degli Studi di Roma - La Sapienza), Carlos Sánchez Rivas (CRPIH), Gérard Gouiran (Université Paul Valéry – Montpellier III)

A vertente satírica da lírica románica medieval ten o seu máis xenuíno representante no que as poéticas da época, así como as rúbricas dos propios cancioneiros, denominan ‘sirventés‘, modalidade que se caracteriza por adaptar a estrutura melódica e métrica dunha ‘cansó’ para introducir contidos que poidan provocar a risa do auditorio. O xénero propagouse (con variantes) dos trobadores occitanos á produción lírica en lingua de oïl, en galego-portugués e en italiano.

 

O sirventés pode ocuparse de temas políticos, morais, sociais…, de atacar directamente algunha persoa polo seu comportamento ou polos seus trazos físicos; pero este proxecto limítase a aqueles textos nos que o obxecto de burla é outro trobador (ou un xograr), que proban mellor que ningún outro o carácter de grupo que tiña a actividade trobadoresca.

 

Naturalmente, a burla doutros trobadores pode manifestarse mediante a fina ironía, a sátira mordaz, a parodia ou o ataque cruel. E pode recaer nos escasos dotes do agredido para a composición ou nas súas actitudes indebidas, pero tamén na súa inadecuada elección dun tema ou un destinatario. Iso quere dicir que o abano de posibilidades é bastante amplo e que é preciso tomar en consideración tanto as ‘tensós’ nas que dous ou máis trobadores debaten entre eles como aquelas pezas que un autor compón para atacar outro (que ten opción a responderlle do mesmo modo). Ademais, non se pode desvincular de todo o sirventés así entendido (en sentido lato) do ‘ensenhamen‘ ou do ‘gap‘ (que pode revestirse de formas diversas). E é preciso ter en conta a técnica do ‘contrafactum‘ e os elementos de intertextualidad que permitan establecer relacións non sempre doadamente perceptibles, porque existen composicións nas que se (re)utilizan certos motivos poéticos propios doutros xéneros co obxecto de invertelos ou parodialos, tipoloxía esta que se instaura dende as mesmas orixes da lírica en lingua romance, pois, como explica P. Bec, “la plus grande aventure lyrico-érotique du Moyen Âge (…), celle des troubadours, commence par un contre-texte”. Estes textos que parodian un código literario, o da ‘fin’amor‘, o seu vocabulario, os seus temas e motivos (a actitude submisa do namorado, a alta categoría social da amada, a loanza dos seus excelsas, aínda que tópicas, calidades físicas e morais), dan lugar, en efecto, a unha modalidade discursiva, chamada en ocasións ‘ sirventes-canso’ ou, na lírica galego-portuguesa, ‘escarnio de amor’.

 

A primeira parte do proxecto consiste, pois, no exame de todas aquelas composicións, das catro grandes tradicións líricas románicas da Idade Media, que respondan aos principios expostos, co obxectivo de delimitar o corpus de estudo. Nesta primeira fase, se ben non se descoidará nunca a consulta das edicións críticas pertinentes, recorrerase ás edicións de referencia recollidas nas bases de datos ‘TrobVers’, ‘Trouveours‘ e ‘Trobadores‘ (que empregan un software común; vid. www.textus.org), así como ás italianas vinculadas ás CLPIO / OVI / TLIO.

 

Unha vez delimitado o corpus de estudo, configurarase unha nova base de datos específica que permita buscas axeitadas para afondar no seu coñecemento, e comezará o estudo dos elementos comúns (sobre todo, os relacionados coa métrica -e a melodía-, a rima, os recursos retóricos e o léxico), que servirán para unha aproximación á tipoloxía do xénero. Un dos intereses primordiais do equipo é desentrañar, sempre a partir dos textos, o complexo armazón de relacións entre os trobadores e axudar a situar a aqueles dos que existes escasos (ou nulos) indicios documentais.