Ir o contido principal

II Edición do Programa de Mentoría

Dende a EDIUS lanzamos a II Edición do Programa de Mentoría dirixido a estudantes dos distintos programas de doutoramento que forman parte da mesma.

Contribuír ao desenvolvemento exitoso da etapa predoutoral dos e das estudantes dos diferentes Programas de Doutoramento que forman parte da EDIUS. Máis concretamente, os obxectivos específicos deste programa son: 

  • Facilitar o contacto e a interacción dos/as estudantes de doutoramento con persoas co grao de doutor e con experiencia profesional no ámbito da investigación e a docencia ou fóra do ámbito académico.
  • Apoiar as persoas que están comezando a súa carreira investigadora na toma de decisións que afectarán ao desenvolvemento da mesma.
  • Aportar un punto de vista externo que axude aos/as estudantes no seu desenvolvemento con coñecementos e habilidades baseadas na experiencia e que os guíe durante a etapa do doutoramento.

Poderán participar neste programa os/as estudantes matriculados a tempo completo no 1º ou 2º ano dun programa de doutoramento da EDIUS (prazas limitadas en función de dispoñibilidade de persoas mentoras).

En canto ás persoas mentoras, poderán participar todas aquelas que posúan o grao de doutor e con experiencia profesional no ámbito da investigación e a docencia (PDI ou investigadores pos-doutorais) ou fóra do ámbito académico. Ademais, será imprescindible completar unha sesión de formación sobre iniciación e fundamentos do Programa de Mentoría no mes de outubro que se realizará a través de Microsoft Teams. Dita formación consistirá nunha sesión para os mentores e unha sesión para os/as estudantes mentorizados onde se explicarán os principios básicos para un desenvolvemento axeitado do programa.

Para participar no Programa será necesario que as persoas interesadas cumprimenten a solicitude de declaración de interese ata o 15 de outubro (incluído) como data límite.

Pode definirse ó mentor/a como unha persoa con experiencia que axuda a moldear as crenzas e valores doutra persoa con menos experiencia de forma positiva para contribuír ao seu autocoñecemento e desenvolvemento persoal. Polo tanto, a persoa mentora non ten por que pertencer á mesma profesión que o estudante nin ao mesmo campo de coñecemento.

A mentoría é o proceso polo cal un mentor anima á persoa mentorizada a reflexionar sobre os retos da súa vida, xa sexan profesionais ou persoais, e a través desta interacción permite á persoa mentorizada atopar as súas propias solucións ás súas preocupacións e, o que é máis importante, facer que se produzan cambios que permitan o seu progreso profesional e persoal.

Polo tanto, no noso contexto, o obxectivo final da relación mentor/a-mentorizado/a é que a persoa mentora externa sirva de elemento facilitador do proceso de doutoramento aos/ás estudantes inmersos en ditos estudos. A intención non é que sexa un activo científico, xa que iso é responsabilidade das persoas supervisoras e directoras da tese de doutoramento, senón que a persoa mentora, de modo independente, contribúa a que o/a estudante consiga planificar a súa carreira investigadora/profesional, aclare cuestións científicas transversais (ex. introdución a cuestións como a ética na investigación, ciencia aberta, etc.) ou asesore en cuestións relacionadas co benestar persoal, o equilibrio entre vida laboral e persoal/familiar e as relacións interpersoais. Neste senso, as persoas mentoras desempeñan un papel complementario ás función das persoas supervisoras/directoras da tese.

Este programa pretende que tanto mentores como estudantes mentorizados se beneficien do proceso de mentoría. Por unha banda, as persoas mentoras poden contribuír ao desenvolvemento da carreira académica e / ou investigadora doutra persoa compartindo os seus coñecementos e experiencias, o cal pode incrementar a súa sensación de logro persoal e satisfacción profesional. Ademais, este proceso pode contribuír a seguir desenvolvendo as súas habilidades técnicas e interpersoais.

Por outra banda, os/as estudantes mentorizados recibirán unha orientación personalizada baseada na experiencia profesional e os coñecementos das persoas mentoras pois estas poden compartir leccións importantes aprendidas en momentos clave da súa carreira profesional/académica ou as cousas que desexarían saber antes de alcanzar fitos importantes na mesma. Ademais, participar nun programa deste tipo pode aumentar a motivación e servir de inspiración durante esta etapa predoutoral.

A inscripción no Programa de Mentoría desenvolverase no mes de setembro-outubro. Unha vez realizadas as inscripcións, realizarase a selección dos participantes e os emparellamentos mentor-estudante mentorizado.

Previo ao inicio, organizaranse dúas sesións formativas (unha para mentores e outra para os/as estudantes mentorizados) a finais do mes de outubro. Nestas sesións explicarase máis en profundidade o programa, os seus obxectivos, os recursos dispoñibles e tamén será unha oportunidade para resolver dúbidas e cuestións.

O proceso de mentorización está previsto que se desenvolva entre novembro do 2025 e maio do 2026 (ámbolos dous incluidos). Durante os sete meses de duración do programa recoméndase organizar unha sesión de mentoría cada 20-30 días. Nas sesións formativas previas explicaranse os aspectos básicos para o desenvolvemento de ditas sesións e que o Programa de Mentoría logre os seus obxectivos.

Ademáis, proporcionarase a seguinte documentación:
1. Acordo de confidencialidade. Dado que o Programa de Mentoría debe ser unha contorna segura na cal poida compartirse libremente información entre as dúas partes, debe asinarse ao inicio do mesmo un acordo de confidencialidade. Deste xeito, búscase xerar confianza, así como establecer límites claros sobre como debe tratarse a información que se abordará durante as sesións de mentoría.
2. Acordo de mentorización. Trátase dun documento onde se define como e cando se reunirán os participantes, así como as actividades que aseguren que se cumpren os obxectivos de mentoría.
3. Rexistro de encontros. Os participantes deberán rexistrar as reunións e actividades de xeito que se poida avaliar o grado de participación no programa.
4. Avaliación final do Programa de Mentoría, tanto por parte dos/as estudantes mentorizados como das persoas mentoras.

Datas importantes

1. Declaración de interese dos/as estudantes de doutoramento e do persoal investigador pos-doutoral / PDI da USC ou profesionais co grao de doutor para participar como mentores (15 de outubro, incluído).

2. Selección dos participantes e emparellamentos (outubro).

3. Formación inicial para mentores (1 sesión - Teams) e para os/as estudantes mentorizados (1 sesión - Teams) (outubro).

4. Proceso de mentoría (novembro - maio).

5. Finalización e avaliación do programa (xuño).

Formularios

Os/as estudantes de doutoramento interesados en participar no Programa de Mentoría deberán cumprimentar o seguinte Formulario:

O persoal investigador / PDI da USC ou profesionais co grao de doutor interesados en participar no Programa de Mentoría como mentores deberán cumprimentar o seguinte Formulario: