Recursos multidisplinares para a docencia en remoto
A Biblioteca Universitaria continúa coa súa escolma de recursos en liña e de balde cos que facer máis sinxela a docencia en remoto instaurada por mor da crise da COVID-19. Neste senso, alén do servizo de préstamo de libros electrónicos Prelo, o repositorio institucional Minerva ofrece contidos relativos ao Fondo Histórico e Patrimonial da BUSCMiscelánea, así como cursos e congresos, homenaxes e outras publicacións da USC.
A revista Sémata, publicación interdisciplinar, de periodicidade anual, que publica traballos orixinais de investigación sobre calquera das especialidades relativas ao campo das Ciencias Sociais e das Humanidades é outra das fontes recomendadas pola Busc na súa listaxe de recursos multidisciplinares.
Os multibuscadores académicos Google Scholar, Microsoft Academic e BASE (Bielefd Acdemic Search Engine), completan a escolma xunto aos repositorios de bibliotecas dixitais como a Biblioteca Digital Hispánica, a biblioteca dixital de Galicia Galiciana, o portal de acceso ao patrimonio dixital Hispana, a base de datos Europeana que contén máis de 50.000 obras de arte, artefactos, libros, vídeos e sons de toda Europa; o catálogo de recursos de acceso aberto e fundamentalmente en lingua inglesa OAIster e o recolector de ciencia aberta RECOLECTA.
Antes de realizar esta selección de fontes transversais, a Biblioteca Universitaria realizou diferentes escolmas por áreas de coñecemento. Así, elaborou listaxes sobre Biomedicina, Artes e Humanidades, Ciencias, e Ciencias Sociais e Xurídicas.