Defensa presencial
Notificación
Tras a autorización da defensa, o secretario do tribunal ou, no seu nome, o coordinador da CAPD, debe notificar, cunha antelación mínima de 7 días naturais antes da data de defensa, mediante correo electrónico á EDIUS que a defensa realizarase de xeito presencial indicando: data, lugar e hora de acto de lectura.
Para isto, habilítase un modelo de escrito desde a Escola (ver documento). As autorizacións formalizaranse en base a data de defensa, tramitándose primeiro as defensas do mes en curso.
Acto de defensa
A defensa deberá realizarse nunha sesión pública durante o período lectivo do calendario académico (excluíndo o mes de agosto, inhábil para todos os efectos) e terá lugar nun centro da USC.
Realizarase nun prazo máximo de tres meses desde a súa autorización, excepto causas debidamente xustificadas e autorizadas pola Comisión da Escola. De superarse o prazo máximo, deberase iniciar de novo os trámites de autorización da tese para a súa defensa.
Aviso. Durante todo o acto de defensa, prégase que ningunha das persoas presentes na sala teña en funcionamento teléfonos ou calquera outro dispositivo audiovisual que distraia ou incomode ao tribunal, ao/á doutorando/a ou ao público. Unicamente os membros do tribunal poderán dispor de portátiles ou outros dispositivos para o seguimento da exposición e o debate da tese de doutoramento.
Despois da defensa
Entrega da acta asinada polo secretario/a do tribunal seguindo as instrucións indicadas pola escola.
O servizo correspondente trasladará os datos da defensa na aplicación Xescampus.
O/a doutorando/a poderá facer o depósito do seu título de doutor/a no Servizo de Xestión Académica.
O persoal administrativo de apoio ao programa de doutoramento deberá, na aplicación Teseo:
- Incluír, comprobar e modificar, segundo o que proceda, o tribunal definitivo asociado á tese.
- Puntuar a tese na aplicación mediante a inclusión da cualificación obtida pola tese.
- Notificar á EDIUS (edius [at] usc.es (edius[at]usc[dot]es)) que xa está cumprimentada a ficha da tese.
Para máis información poden consultar a páxina web da EDIUS.