Debe terse en conta o "Artigo 42. Tribunal de evaluación" do Regulamento de Estudos de Doutoramento (aprobado por Consello de Goberno o 24 de xuño de 2024).
A proposta de tribunal será de oito membros, que deberán ser doutores e contar con experiencia investigadora acreditada no campo de coñecemento da tese doutoral, nos termos recollidos no artigo 25.3.a).
A efectos deste regulamento, enténdese por experiencia investigadora acreditada a posesión de, como mínimo, un período de actividade investigadora recoñecida pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (en diante, CNEAI) en aplicación do Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario. No caso de non estar en situación de poder acreditar a experiencia investigadora por esa vía, o PDI deberá contar con méritos de investigación equiparables.
Na proposta non poden constar máis de tres membros dunha mesma institución.
En todo caso, o tribunal estará formado por unha maioría de membros externos á USC e ao programa de doutoramento, garantíndose unha composición equilibrada de homes e mulleres, tal e como indica a disposición adicional primeira da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
Aos efectos desta Lei, entenderase por composición equilibrada a presenza de mulleres e homes de forma que, no conxunto a que se refira, as persoas de cada sexo non superen o sesenta por cento nin sexan menos do corenta por cento.
O tribunal nomeado estará formado por tres titulares e tres suplentes, un por cada titular.
O tribunal titular non poderá estar formado por máis dun membro dunha mesma institución ou persoal asimilado desa institución.
Considerarase persoal asimilado á USC:
- O profesorado xubilado da Universidade.
- O persoal investigador contratado de centros e institutos mixtos de investigación nos que participe a USC.
- O profesorado alleo á Universidade que forme parte do programa de doutoramento.
Preferentemente, o secretario será da USC.
Na designación dos titulares e suplentes do tribunal pola Escola de Doutoramento non haberá máis de dúas persoas dunha mesma institución. A selección dos suplentes ten que garantir que non poida haber máis dun membro dunha institución no tribunal que actúe. Se hai un titular e un suplente da mesma institución, o suplente debe selo dese titular.
No caso de teses con Mención Internacional, deberá garantirse que o suplente do titular estranxeiro teña a adscrición que permita manter o carácter internacional do tribunal requirido polo regulamento.
Excepcionalidades:
- No caso de teses en cotutela vía convenio, o tribunal deberá contar con representantes das institucións participantes na cotutela, incluídas as persoas que dirixen a tese, se así o contempla o convenio, podendo estar formado por máis dun membro dunha mesma institución. Neste caso, o tribunal titular deberá estar formado por, polo menos, cinco membros.
- Nos casos de teses que posúan interdisciplinariedade temática, o tribunal poderá estar conformado por cinco membros titulares e cinco suplentes, sempre que se observen os límites orzamentarios que estableza o Consello de Goberno para a súa conformación.
En todo caso, o tribunal estará formado por unha maioría de membros externos á USC e ao programa de doutoramento, garantíndose unha composición equilibrada de homes e mulleres, tal e como indica a disposición adicional primeira da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.