Ir o contido principal

Defensa telemática

Estes son os pasos a seguir para a defensa de teses por medios telemáticos (semipresenciais ou completamente virtuais):

Celebración do acto de defensa da tese por medios telemáticos

  1. A EDIUS programará unha sala de videoconferencia virtual en Microsoft Teams para a celebración do acto de defensa. Ditas sesións de TEAMS serán formalizadas en base á data de defensa, tramitándose primeiro as defensas do mes en curso.
     
  2. Para o desenvolvemento da defensa de tese empregarase a aplicación Microsoft TEAMS, e a nivel técnico haberá un profesor do PD que asumirá a función de moderador/a técnico da aplicación. Esta persoa será a encargada de dar os permisos de acceso aos asistentes ao acto e de trasladar de forma efectiva as indicacións que determine o presidente do tribunal. Ademais, o moderador/a:

    1. Conectarase 30 min antes ao inicio programado á sesión pública da defensa para dar a benvida aos membros do tribunal, directores/as da tese e doutorando/a;
       
    2. Gravará a sesión pública de defensa da tese;
       
    3. Iniciará a vídeo chamada na sesión de deliberación mentres o doutorando/a expón a tese, enviando a ligazón a esta sesión xunto coa ligazón ao formulario de para emitir o voto secreto Cum Laude aos membros do tribunal.
       
  3. Para a celebración do acto de defensa telemático crearanse dúas sesións:

 

a. Sesión de constitución formal do tribunal e desenvolvemento do acto de defensa da tese

  1. A esta sesión terán acceso o doutorando/a, director/es, titor/a (de ser o caso), os membros do tribunal e o moderdor/a técnico, coa categoría de “membros da sesión”, e os membros da comunidade universitaria e non universitaria asistentes ao acto, como “convidados da sesión”.

    Nesta sesión, o presidente/a do tribunal actuará como “anfitrión/a” da videoconferencia e citará aos demais membros do Tribunal e ao doutorando/a polo menos 30 minutos antes do comezo da exposición pública. Para iso, o moderador conectará, 30' antes da hora programada de comezo oficial do acto de defensa, ao doutorando/a e aos membros do tribunal para realizar as probas de conexión pertinentes e confirmar, así mesmo, que estes últimos teñen acceso ao chat da sesión e ao seu correo electrónico para poder participar completa e correctamente en todos os aspectos que o acto require.

    A continuación, o presidente/a de o tribunal comprobará a presenza na sesión virtual dos demais membros do tribunal e do doutorando/a. A tal fin, o secretario/a realizará a identificación do doutorando/a e dos membros do tribunal, reclamando, cando o considere necesario, o cotexo por vídeo ou a remisión por vía electrónica da pertinente documentación acreditativa de cada un deles. Deste trámite deixarase constancia exacta na Acta de defensa.

  2. O acto académico de defensa de tese comezará tomando a palabra o presidente/a de o tribunal, que:

    • Presentará ao doutorando/a e ao resto de membros do tribunal, e establecerá como se vai a desenvolver o acto de defensa, así como o tempo do que dispón o doutorando/a para facer a presentación do seu traballo de tese, e do tempo de discusión entre o doutorando/a e o tribunal sobre os aspectos do traballo que este considere oportunos.
       
    • A continuación, dará a palabra ao doutorando/a para a exposición da súa tese.
       
  3. Durante todo o acto de defensa os membros do tribunal terán habilitado un chat para poder comunicarse entre eles e o moderador.

  4. Tras a exposición do doutorando/a, volverá ter a palabra o presidente/a do tribunal que indicará o inicio da quenda de preguntas ao doutorando/a, empezando polo propio tribunal e, se fora o caso, por calquera doutor/a presente no acto. Para isto, os asistentes poderán facer uso do chat habilitado na sesión para solicitar ao presidente/a a quenda de palabra.

  5. Unha vez finalizado a quenda de preguntas, tomará a palabra novamente o presidente/a do tribunal para indicar que se ausentarán desta sesión os membros do mesmo para as deliberacións sobre a valoración da tese. Ademais, establecerá e comunicará aos  asistentes, nese momento, o tempo estimado de duración.

  6. Se por calquera problema técnico irresoluble durante máis de 30 minutos non se pode realizar ou finalizar con éxito o acto de defensa, o presidente/a pechará o acto, que quedará invalidado, podéndose celebrar unha segunda vez á mesma hora dous días hábiles despois.
     

b. Sesión de deliberación sobre a tese de doutoramento

  1. Tras a defensa, procederase á deliberación e cualificación da tese nunha segunda sesión virtual aberta en paralelo para a deliberación do tribunal. Esta sesión será diferente da primeira e nela tampouco estará presente o moderador da aplicación, unicamente os membros do tribunal. A URL desta segunda sesión virtual será enviada polo moderador aos membros do tribunal mediante correo electrónico durante a exposición da defensa por parte do doutorando/a.

  2. Mentres dure a sesión de deliberación, os membros do tribunal desconectaranse da sesión de defensa, que se manterá igualmente aberta pero sen permitir interacción algunha entre os que aínda permanecen conectados nela.

  3. Unha vez finalizada a deliberación, cubriranse os correspondentes apartados da Acta de defensa da tese. O texto da mesma, referido á valoración da tese e da súa defensa, deberá ser elaborado polo secretario/a tras ser debatido polos membros do tribunal na sesión virtual de deliberación. O texto será obxecto de consenso de viva voz ou, no seu caso, enviado por correo electrónico en formato de texto editable aos membros do tribunal para a súa eventual corrección e aprobación final.

  4. Tras ser outorgada a cualificación, o presidente/a dará por terminada a deliberación, e indicará ao moderador/a mediante correo electrónico que proceda ao peche da sesión de deliberación. O Tribunal volverá á sesión virtual do acto de defensa.

  5. No caso de que unha tese obteña a cualificación de sobresaínte, o secretario/a do tribunal explicará como proceder para a realización do voto secreto para a Mención de Cum Laude e do Premio Extraordinario de Doutoramento a través do formulario habilitado para tal efecto pola USC.
     

c. Activación da primeira sesión

Tras a deliberación do Tribunal, o presidente/a do mesmo comunicará a cualificación obtida de forma pública na sesión do acto de defensa e dará por terminado o acto. A continuación, o moderador procederá á clausura da sesión.
 

d. Actas de defensa e valoración secreta para o Cum Laude e Premio Extraordinario

A documentación para a defensa consistirá en:

  1. Unha única acta na que se reflectirá:

    • (Ao inicio da sesión) A constitución do tribunal con indicación expresa dos membros e cargos que ocupan, do día, hora e os medios técnicos polos que se levará a cabo a defensa da tese.
       
    • (Na sesión de deliberacións) O desenvolvemento do acto de defensa, as intervencións, se as houbera, dos membros do tribunal, hora da deliberación, informe de valoración e cualificación outorgada por consenso. Ademais, mención expresa se o doutorando opta a:
       
      • Mención internacional
         
      • Mención industrial
         
      • Tese en cotutela
         

    E, no seu caso, indicación de que se cumpriron os requisitos para as devanditas mencións.

  2. Dirección URL e credenciais de acceso ao formulario habilitado para a valoración secreta da Mención Cum Laude e a valoración para o Premio Extraordinario de Doutoramento no caso de teses con cualificación global de sobresaínte.

    Neste caso, o secretario/a do tribunal explicará como proceder para a realización do voto secreto para a Mención de Cum Laude e do Premio Extraordinario de Doutoramento a través do formulario habilitado para tal efecto pola USC:

    • Para realizar o voto secreto da Mención cum laude e valoración para o Premio Extraordinario, coa fin de garantir o anonimato, a USC activará para a data e hora concretas de lectura un formulario a través da aplicación Microsoft Forms en nube.usc.gal.
       
    • Os resultados desta votación e valoración deberán ser recibidos antes de 24 horas ao doutorando/a polo Servizo de Xestión Académica (SXA), que comunicará a concesión ou non da Mención Cum Laude ao doutorando/a e ao secretario/a do tribunal por medios electrónicos.
       
    • A acta do reconto dos votos da Mención Cum Laude e valoración para o Premio Extraoedinario de Doutoramento será asinada electronicamente polo funcionario/a designado pola USC que dará fe do resultado.

Unha vez recibidos todos os datos e documentación do acto de defensa da tese, o doutorando/a poderá realizar o pago das taxas para o depósito do título de doutor.

Tes á túa disposición:

  1. Formación deseñada desde a área TIC na canle oficial de YouTube da Universidade, onde poderás atopar titoriais de uso das diferentes ferramentas que se empregarán na docencia. O uso do Campus Virtual así como o de Microsoft Teams

  2. Titoriais oficiais de Microsoft

  3. Guía dirixida aos membros do tribunal

  4. Guía para o moderador/a das teses que se realizan de forma telemática