
Na USC tentamos, nun contexto de constante cambio, responder de xeito inmediato ás decisións e indicacións anunciadas semana tras semana, día tras día, polas autoridades sanitarias. Con este obxectivo, creáronse ad hoc estruturas de información e toma de decisión descentralizadas co fin de poder dar unha resposta áxil e inmediata a unha realidade que se amosou desafiante. A designación dun Responsable COVID da institución, a posta en macha dos Comités de Seguridade Sanitaria e de Xestión COVID, a creación da Oficina de Virtual de Atención que daría logo paso á actual Oficina de Xestión COVID, o nomeamento de Delegadas/os COVID en cada centro, a posta en marcha do Programa de Voluntariado ou o reforzo da comunicación mediante a incorporación de novas plataformas e canles son só algunhas das decisións tomadas durante estes meses coas que se buscou crear un espazo de certeza e seguridade para a comunidade universitaria nun contexto sanitario volátil e imprevisible.
Loitando sempre por manter a maior actividade presencial segura, a vida académica non se detivo en ningún momento na USC buscando sempre a maior calidade, independentemente da súa modalidade, empregando como punto de apoio o aumento da intensidade no proceso de dixitalización da institución e elaborando recursos de formación ao respecto para o profesorado e alumnado. Tamén se activaron liñas de axudas para contribuír a minorar o impacto negativo da crise económica derivada da sanitaria.
Se repasamos o traballo realizado ata o momento, é tan evidente como sobresaliente a participación de toda a comunidade universitaria na xestión da crise. Alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos contribuíron a que, unha vez máis nos seus cinco séculos de historia, a USC se teña proxectado cara a sociedade poñéndose ao seu servizo facendo valer o seu carácter de público.
No último ano, a USC ten liderado e participado en proxectos que buscan combater, directa ou indirectamente, a pandemia por COVID-19. Investigadoras e investigadores traballan para atopar vacinas contra a enfermidade por coronavirus ou desenvolven ferramentas con base en modelos matemáticos que nos permiten analizar a evolución da pandemia así como chegar a predicir o seu comportamento a curto prazo. Tamén contamos con centros e persoal implicados na produción de xel sanitizante ou máscaras protectoras nun primeiro momento de escaseza do mesmo. O alumnado e persoal de estudos do ámbito sanitario participou e participa como voluntarios cando o sistema sanitario peor o está a pasar. Este listado podería continuar evidenciando, unha vez máis, a capacidade da Universidade en moitos ámbitos e os fortes lazos e conexións que existen coa sociedade.
Na USC nunca nos detivemos, nin un só dos últimos 365 días dende que o Goberno e as autoridades sanitarias lle puxeron nome á pandemia por COVID-19. Tentamos aprender dos erros e non coller moitos folgos nos éxitos. Fomos, somos e seremos parte do refulxir dunha nova sociedade que recuperará o tempo perdido, que acurtará a distancia física unha vez superada a pandemia e que, a bo seguro, será máis solidaria e máis xenerosa.