Pasar al contenido principal

Especial COVID-19: un ano convivindo co coronavirus

O día 14 de marzo de 2020 o Goberno declaraba o estado de alarma que nos acompaña, despois de varias prórrogas, ata hoxe. Transcorrido xa un ano, podemos botar a mirada atrás e reflexionar sobre como a Universidade reaccionou á excepcional situación sobrevida e, con maior intensidade, proxectarnos con esperanza cara o futuro.

Asegurar as condicións en termos sanitarios para toda a comunidade calquera que fora o tipo ou modalidade da súa actividade, conseguir adaptar a vida académica de calidade aos diferentes escenarios que definiron as autoridades sanitarias e, por último, poñer a Universidade ao servizo da sociedade foron, e son, os tres piares fundamentais da xestión desta crise derivada da pandemia por COVID-19.

Estudantes na Facultade de Matemáticas.
Estudantes na Facultade de Matemáticas.

Na USC tentamos, nun contexto de constante cambio, responder de xeito inmediato ás decisións e indicacións anunciadas semana tras semana, día tras día, polas autoridades sanitarias. Con este obxectivo, creáronse ad hoc estruturas de información e toma de decisión descentralizadas co fin de poder dar unha resposta áxil e inmediata a unha realidade que se amosou desafiante. A designación dun Responsable COVID da institución, a posta en macha dos Comités de Seguridade Sanitaria e de Xestión COVID, a creación da Oficina de Virtual de Atención que daría logo paso á actual Oficina de Xestión COVID, o nomeamento de Delegadas/os COVID en cada centro, a posta en marcha do Programa de Voluntariado ou o reforzo da comunicación mediante a incorporación de novas plataformas e canles son só algunhas das decisións tomadas durante estes meses coas que se buscou crear un espazo de certeza e seguridade para a comunidade universitaria nun contexto sanitario volátil e imprevisible. 

Loitando sempre por manter a maior actividade presencial segura, a vida académica non se detivo en ningún momento na USC buscando sempre a maior calidade, independentemente da súa modalidade, empregando como punto de apoio o aumento da intensidade no proceso de dixitalización da institución e elaborando recursos de formación ao respecto para o profesorado e alumnado. Tamén se activaron liñas de axudas para contribuír a minorar o impacto negativo da crise económica derivada da sanitaria. 

Se repasamos o traballo realizado ata o momento, é tan evidente como sobresaliente a participación de toda a comunidade universitaria na xestión da crise. Alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos contribuíron a que, unha vez máis nos seus cinco séculos de historia, a USC se teña proxectado cara a sociedade poñéndose ao seu servizo facendo valer o seu carácter de público.  

No último ano, a USC ten liderado e participado en proxectos que buscan combater, directa ou indirectamente, a pandemia por COVID-19. Investigadoras e investigadores traballan para atopar vacinas contra a enfermidade por coronavirus ou desenvolven ferramentas con base en modelos matemáticos que nos permiten analizar a evolución da pandemia así como chegar a predicir o seu comportamento a curto prazo. Tamén contamos con centros e persoal implicados na produción de xel sanitizante ou máscaras protectoras nun primeiro momento de escaseza do mesmo. O alumnado e persoal de estudos do ámbito sanitario participou e participa como voluntarios cando o sistema sanitario peor o está a pasar. Este listado podería continuar evidenciando, unha vez máis, a capacidade da Universidade en moitos ámbitos e os fortes lazos e conexións que existen coa sociedade. 

Na USC nunca nos detivemos, nin un só dos últimos 365 días dende que o Goberno e as autoridades sanitarias lle puxeron nome á pandemia por COVID-19. Tentamos aprender dos erros e non coller moitos folgos nos éxitos. Fomos, somos e seremos parte do refulxir dunha nova sociedade que recuperará o tempo perdido, que acurtará a distancia física unha vez superada a pandemia e que, a bo seguro, será máis solidaria e máis xenerosa. 

Novas da USC relacionadas coa COVID-19

As clases presenciais volven o 1 de marzo

“Seguimos as indicacións das autoridades sanitarias e adaptamos a nosa actividade aos escenarios que estas definen partindo sempre da base de que a presencialidade é esencial e o seu exercicio é o obxectivo prioritario”, explicou o reitor Antonio López nunha mensaxe dirixida a toda a comunidade universitaria

Leer más

Anatomía da primeira onda

Científicos da USC fixan niveis de alerta epidemiolóxica logo de analizar os 250.000 casos de COVID-19 diagnosticados entre febreiro e xuño de 2020, para concluír que “o confinamento podería ter chegado tarde nalgunhas provincias e noutras podería terse acortado”

Leer más

Investigan o impacto da COVID-19 no Camiño de Santiago

O influxo da crise sanitaria na capacidade de carga turística do Camiño Francés, así como no perfil do peregrino, son dous dos estudos que a USC impulsa ao abeiro da súa Cátedra institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, no marco da cal tamén se creará a base de datos de recursos académicos, científicos e didácticos ‘Rede Xacobea’

Leer más

A Ciencia con Galicia, na crise da covid-19

Científicas e científicos das tres universidades galegas elaboraron máis de 150 propostas de investigación na procura de solucións directas fronte a Covid-19. Nun acto celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, a Real Academia Galega de Ciencias premiou vinte destes proxectos de investigación (9 da USC, 7 da UVigo e 4 da UdC), financiados por diversas institucións

Leer más

Unha vacina marca USC

Os investigadores José Martínez Costas e Javier Montengro coordinan no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares dous dos proxectos de vacinas impulsados dende o Ministerio de Ciencia e Innovación. Alén da USC, tamén recibiron financiamento o CSIC, así como a Universidade Ramón Llul e a de Zaragoza.

Leer más

A ‘nova normalidade’ aséntase na USC

A Biblioteca Universitaria abre as súas salas de lectura a partir do 25 de xuño e o Servizo de Deportes xa permite o acceso ao pavillón polideportivo para a práctica de bádminton e tenis de mesa, así como os deportes ordinarios da instalación de forma individual e sen contacto, alén de manter aberta a inscrición nos seus Cursos de Verán

Leer más

Reabre o estadio de atletismo

A través da páxina web do Servizo de Deportes xa se poden realizar reservas de uso. Os membros da comunidade universitaria da USC, así como atletas con licenza federativa maiores de 14 anos, poderán beneficiarse destas instalacións. É imprescindible estar rexistrado como persoa usuaria do Servizo de Deportes. Os atletas deberán adquirir o ‘Abono federados’

Leer más

Acabar coa fenda dixital

A USC impulsou a través do Fondo Supera COVID-19 un plan co que dotar de equipamento informático ao seu alumnado para garantir a equidade na actividade non presencial. Ademais, a USC cofinanciou o acceso á Rede do alumnado a través de tres convocatorias dotadas con 60.000 euros cada unha

Leer más

As EDAR, un baluarte eficaz fronte ao SARS-CoV-2

Unha investigación desenvolvida polo profesor de Enxeñaría Química Juan M. Lema xunto con investigadores do Instituto CRETUS, Viaqua e Sergas, identifica os lodos como ‘reservorios’ de material vírico do SARS-CoV 2 e verifica a eficacia das EDAR para a súa eliminación

Leer más

Botan a andar as aulas con reforzo wifi

A USC pon a disposición do alumnado espazos específicos con acceso á Rede para que poidan realizar as súas probas de avaliación, concretamente na Sala Norvet da Facultade de Veterinaria de Lugo e a Sala de Lectura da Facultade de Dereito de Santiago

Leer más

D3Mobile senta cátedra durante o confinamento

O campionato científico internacional de modelado 3D promovido polo grupo Cigeo da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo sortea a pandemia da COVID-19 con récord de participantes finalistas e co recoñecemento explícito da Universidade de Florencia cara ao seu modelo educativo, que cualifica de “perfecto”

Leer más

Na procura dun desconfinamento máis seguro

O profesor da USC e epidemiólogo Francisco Caamaño analiza cales deben ser as medidas de seguridade necesarias á hora de retomar a actividade laboral presencial. Unha das recomendacións á hora de compartir espazo con outras persoas pasa por ter moito coidado nos diferentes accesos ao espazo de traballo

Leer más

Unha comisión interdisciplinar preparará o próximo curso universitario

A través do plan integral de reforzo á docencia que abordará este grupo de traballo podería promoverse o cambio á docencia mixta ou 'blended learning' para un conxunto de centros, o que suporía a modificación estrutural das metodoloxías docentes, da formación do profesorado ou a potenciación definitiva das avaliacións continuas, entre outros temas

Leer más

Nace o grupo virtual 'Lectura crítica no tempo da COVID-19'

A primeira sesión desenvolverase o 3 de xuño ás 18.00 horas a través de Microsoft Teams e as inscricións poden realizarse no enderezo electrónico cesar.dominguez@usc.es. A cada sesión de lectura poderá acceder un máximo de 20 persoas para asegurar, deste xeito, unha participación fluída.

Leer más

O Campus Virtual supera un ataque informático deliberado

Asegurado o seu correcto funcionamento logo dun ataque nas últimas horas, cuxos autores foron identificados. A USC fai un chamamento á responsabilidade da súa comunidade que de xeito maioritario se conecta con normalidade á plataforma dixital e desenvolve a súa actividade con absoluta responsabilidade.

Leer más

A ciencia planta cara a COVID-19

Equipos do CIQUS e do CIMUS traballan na definición de diversas liñas de investigación sobre a prevención futura da enfermidade a través de vacinas; o desenvolvemento de novas formas de diagnose; así como de novas terapias e a optimización da súa administración

Leer más

Á procura dunha vacina fronte COVID-19

O Instituto de Saúde Carlos III acaba de conceder financiamento á proposta liderada por José Martínez Costas, do CIQUS, cuxo grupo ten patentada unha metodoloxía que permite producir vacinas contra calquera patóxeno nunha marxe moi reducida de tempo e a baixo custe

Leer más

Ciencias, do laboratorio á casa

A Biblioteca Universitaria continúa elaborando listaxes con fontes de información para que o alumnado dispoña de recursos en liña e de balde cos que complementar as clases en remoto. Novamente o servizo de préstamos de libros electrónicos Prelo debe ser unha das primeiras fontes a consultar polo alumnado.

Leer más

A Universidade, ao servizo da sociedade

A USC inicia a produción de xel desinfectante, achega ao Sergas equipos de protección individual e outro material dispoñible nos laboratorios e centros de investigación e ofrece para uso sanitario residencias universitarias de Santiago e Lugo

Leer más

A BUSC, en liña

A Biblioteca Universitaria da USC mantén actividade en liña coa achega de recursos dixitais, servizos e cursos ás persoas usuarias

Leer más

USC en liña

A Resolución de Protocolos de Actuación na USC durante o Estado de Alarma regula unha serie de medidas para protexer o seu persoal e o desenvolvemento da actividade non presencial

Leer más

A USC pecha as súas instalacións

As medidas seguen as directrices e recomendacións emitidas polo Goberno e as autoridades con competencia sanitaria. Reducindo a actividade presencial búscase romper a cadea de transmisión do virus.

Leer más
Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.04.2021.